Noticias
TORRE DE HÉRCULES PATRIMONIO DA HUMANIDADE
Xullo 2009
| A Torre de Hércules acaba de ser escollida polo Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO coma monumento Patrimonio da Humanidade, froito exitoso do esforzo colectivo de todo un pobo trala campaña social que conseguiu levar adiante o proxecto. Única candidatura do estado español, a Torre tivo que competir con propostas sumamente interesantes doutros países, como as construccións modernistas de Le Corbusier, o pazo barroco de Schwetzingen, as Tumbas reais da dinastía Joseon, a «Italia Langobardorum» ou os conxuntos de montes e templetes en Wutai, China. Todos, sen dúbida, máis que merecentes, mais que nalgúns casos van ter que agardar a unha futura ocasión. É a excepcionalidade da Torre da cidade herculina unha das claves para entender a chegada a bo porto da súa nominación, que resultou aprobada unánimemente polo comité encargado de avaliala. O faro máis antigo en funcionamento do mundo, da época dos Romanos, cando as costas galaicas representaban o finis terrae do mundo coñecido. A Torre de Hércules tamén é un escenario de mito e de fantasia, as lendas contaban da chegada ao norde do heroe por antonomasia da mitoloxía grega, Herakles o das doce probas, que nun rodeo trala derrota do xigante Gerión, tería enterrado a súa cabeza no chan da futura Coruña e erguido unha torre para conmemorar a victoria. A Torre de Breogán aparece segundo o ciclo mitolóxico irlandés (tal e como aparece no Libro das Invasións, Leabhar Ghabhála) Ith, fillo do caudillo celta, tería contemplando nunha mañá sen nubes as lonxanas e verdes costas de Eire. Nestas horas de celebración e de ledicia, a Torre de Hércules únese aos outros tres depositarios do Patrimonio Mundial de raigame galega: as Muraias (tamén romanas) de Lugo, o casco histórico de Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. |


