Homenaxeados
ata agora

O Dia das Letras Galegas 2021

Real Academia Galega

Xela Arias. Declárome inconforme
Por Ana Romaní

Xela Arias

Acaso sexa a declaración que sostén con máis clara rotundidade a postura vital e literaria de Xela Arias. Un inconformismo creativo e solidario que, desde a lucidez dunha mente en rebeldía, despregou ao longo de corenta e un anos de vida a paixón da palabra na súa máis depurada independencia, en cada un dos seus actos poéticos, culturais, cívicos. Por ser exactas, ela dixo:

Pois se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contradictoria e filla das miñas contradicións (…) a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas. Necesidade que xorde da urxencia por entende-lo humano contraposto, pero tamén, e quizais antes, do descontento coa orde establecida, calquera que sexa.

Tamén poderiamos principiar por aquí: “do descontento coa orde establecida, calquera que sexa”. E comezariamos xa a configurar algúns dos trazos que distinguen a voz dunha escritora que desenvolveu o seu discurso textual e vital no difícil exercicio da liberdade e a desobediencia.

Proporemos neste achegamento á vida e á obra de Xela Arias Castaño un perfil, acompañaremos a poeta no seu facer memoria, convocaremos as súas palabras, tamén outras voces e lecturas que precisaremos para andar polos pasos, polos textos. Finalmente descubriremos a vixencia e o desafío que se mantén intacto no corpus literario dunha autora que cruzou as últimas décadas do século pasado cunha audaz poética e a coherencia dunha excéntrica determinación literaria.

Escritora, tradutora, editora e docente, toda a actividade da poeta gravita arredor das palabras. E con elas estableceu un pacto de esixencia: rigorosa e delicada na edición e na tradución; liberadora, transgresora e non menos rigorosa, no poema. Entre eses marcos vai estendendo un labor consciente, meditado, decidido.

Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados

O idioma é a arxila que moldea a vida de Xela Arias. As palabras dunha lingua que restaura a posibilidade de ser dun país e que ela trata desde esa conciencia: “O idioma é o principal signo dunha cultura”, dicíao en 1988 e seguía:

Quere iso dicir que un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura. Quere iso dicir que a un pobo ó que alonxan do seu idioma alónxano da súa cultura. Quere iso dicir que Galicia ten aínda hoxe os seus mitos, a súa tradición sen resolver porque ten aínda sen resolve-la aceptación do seu propio idioma.

Foi, ao nacer, María de los Ángeles, sería despois María dos Anxos, en 1984 cambia o nome polo seu equivalente en galego, e acabaría sendo o que ela era, Xela, en 1995. A escolla do nome propio e a perseveranza no tempo para que así constase oficialmente, evidencian o alto grao de conciencia idiomática, á que contribuíu o ambiente familiar que nutriu desde os primeiros anos a súa estima da lingua.

Xela AriasXela Arias
Cos seus pais, Valentín Arias e Amparo Castaño, na Granxa Escola de Barreiros, diante da casa na que vivía, no ano do seu nacemento
Fonte: arquivo familiar4/4

Filla de Amparo Castaño López e Valentín Arias López, nace en Ortoá, en Sarria o 4 de marzo de 1962, é a maior de cinco irmáns. Os tres primeiros anos de vida decorren na contorna da Granxa de Barreiros. A actividade laboral do pai está vinculada ao proxecto pedagóxico creado por Antonio Fernández López do que xermolaría tamén o Colexio Fingoi de Lugo, no que inicia Xela Arias estudos de primaria. En 1969 a familia trasládase a Vigo, cidade decisiva na biografía e na obra dunha “nena de barrio e vida proletaria”, nas súas palabras. Completa ensino primario na Escola Nacional Graduada de Sárdoma en Moledo (logo Colexio Público de Sárdoma- Moledo) onde o seu pai exerce como mestre.

Unha selva de paxaros, un coche de nata, outra selva de leopardos e un soño. Con estes materiais escribe “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia”, un dos moitos contos que trenzan a súa infancia. Lémbrase escribindo desde sempre, contos que logo os seus país pasaban a máquina, no inicio moi curtos despois máis extensos. É o caso deste co que gañou o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho. Nunha entrevista con motivo do premio explica: “no me gustó nada, nada, nada. Me parecía demasiado malo para mandarlo”. A nena de once anos amosa xa un dos trazos que acompañará a súa actividade literaria: a esixencia. Xela Arias, que publica a súa obra en dúas décadas de intensa actividade poética, mantén un medido ritmo de edición, catro títulos entre 1986 e 2003.

Na mesma entrevista relata outro conto protagonizado por unha bruxa de dedos máxicos que lle axuda a un grupo de mulleres a cruzar un río na noite. A distancia dos papeis convencionais das figuras femininas será un máis dos trazos dunha escritora que construirá outros relatos do corpo e da experiencia das mulleres. “Elas seguen tendo malditas rosas nos beizos mentres bambolean os pés sentadas no pedestal que as inutiliza”, dirá anos despois sobre as imaxes femininas dalgunhas obras literarias nas últimas décadas do século XX.

Xela escribe os seus contos en galego:

Yo creo que en Galicia se debía hablar siempre en gallego. Y lo mismo que nosotros aprendemos castellano los de otras partes pueden hacer un esfuerzo y llegar a hablar nuestro idioma.

Era o ano 1973. Non lle gustaban os peluches ni xogaba moito coas bonecas.

Elixín as rúas antes cás aulas

Cando en 1980 Xela Arias decide non presentarse aos exames de COU, toma corpo unha decisión que vai máis aló da rebeldía adolescente, conecta cos discursos críticos que naquela altura cuestionaban a formación académica e plasma a súa ansia de independencia: “tiña moi interiorizado o anceio de independencia (...) Rebotábame ademais o sistema de estudios, cría que todo o que necesitaba podía aprendelo pola miña conta”.

A escolla afástaa dos itinerarios previsíbeis, atesourará unha experiencia de vida distante das dinámicas académicas. Nas claves do seu pensamento “a autoaprendizaxe é autogoberno, é autonomía”. Ese “autogoberno” marcará distancias, tamén no literario, cos percorridos da súa xeración e converteraa nunha figura de difícil “adscrición” na cartografía poética das últimas décadas do século XX. Lonxe das aulas universitarias comeza a publicar os seus primeiros poemas inmersa na vida urbana dunha cidade que nos anos oitenta experimenta unha profunda transformación. De noite a cidade desborda unha eufórica vida cultural, a ritmo de rock, de pop, de punk, de accións poéticas, fanzines e concorridos locais alternativos. A moda, o deseño, grupos de teatro, colectivos artísticos e medios de comunicación conflúen no perfil dunha urbe que fai gala de modernidade ao tempo que toma as rúas en masivas manifestacións contra a reconversión naval e amosa o seu carácter de cidade obreira. A crise económica rexistra altas taxas de paro e a heroína comeza a circular. A sida irrompe con forza e con ela os estigmas, tamén o activismo. Son tempos de mobilizacións feministas, reivindicacións de dereitos, debates e organización de xornadas; apenas acababa de abolirse o delito de adulterio (1978). En 1982 Xela Arias comeza a publicar os seus poemas, o número 3 da revista Dorna inclúe “Vin...”.
Partindo este meu eu en longo berro

Evidénciase axiña a orixinalidade desa voz que comeza a publicar os primeiros textos en revistas, xornais e fanzinesDorna, Carel, Festa da Palabra Silenciada, Katarsis, Tintimán, Faro de Vigo, A Nosa Terra... e a participar en recitais poéticos. Asiste con asiduidade ao Festival da Poesía no Condado, participa en homenaxes, colabora en proxectos, accións que intensificará en anos posteriores e que afirman esa expresión cívica dunha obra que sempre explorou a dimensión social do texto. Na conferencia “Para que os poetas hoxe” explicaba:

A poesía é un pasquín porque encerra tamén verdadeiras bombas de contido; o poeta, ser que como tal se sabe ás marxes da mercadotecnia, da industria do momento, é un dos poucos miradoiros libres que ten a sociedade. Un miradoiro libre desde o que a sociedade deixa unha fenda para a subversión, para a creación desde ela dun microcosmos de revolución afectiva.

No ano 1986 publica Denuncia do equilibrio na colección Ventobranco de Edicións Xerais. Poemas indagatorios de linguaxe fracturada que exploran un universo de suxeitos á procura. Voces dun eu que é múltiple e se desdobra, percorren en fuga, e ao tempo en tensa espera, unha paisaxe de espazos urbanos.

Algunhas lecturas subliñan da obra a vontade de romper formalmente o código poético (H. González), así como o tratamento do amor e a súa desmitificación (C. Blanco). O libro adianta trazos que distinguirán a súa dicción poética e que a afastan da “estética dominante e canonizada” na denominada poesía dos oitenta. E é que nas estremas respiran outras voces, escritas que se mergullan en territorios fronteirizos e disidentes.

A propia autora acusaría esa “desubicación” que segundo Fran Alonso a acompaña nunha e noutra década. É esa posición excéntrica a que, na opinión do poeta e editor, a singulariza e individualiza. A singularidade de Xela Arias respecto a outras poéticas coetáneas esténdese tamén ao xénero, como autora entre autores. Escasísimas as poetas no espazo público naquela altura. Porque se nos oitenta proliferaron voces e poemas, a maioría tiñan sinatura masculina, como lembraría a escritora:

Cantidade había sumando os dous sexos, pero abóndanme os dedos das mans para cita-los nomes das que entre todos eran mulleres novas publicando naquel momento, e hoxe sóbranme os dunha man soa para contar as que sobreviviron daquilo.
Independénciome

Apenas uns meses despois de deixar os estudos, comeza a traballar en Edicións Xerais de Galicia. Con Xulián Maure, director e fundador, e Roberto Pérez Pardo, primeiro director comercial, forma parte do equipo que pon en marcha unha das empresas decisivas da edición no novo tempo político. Desenvolve primeiro funcións de oficinista e dous anos despois incorpórase ao Departamento Editorial, nos apartados de creación e investigación. Entre 1990 e 1996 é correctora de estilo e editora das coleccións Xerais Universitaria e Biblioteca de Autores Galegos. Preparando orixinais, corrixindo textos ou como responsábel de coleccións Xela Arias participa dos procesos de profesionalización da edición e contribúe á configuración do seu tecido.

Xela Arias

 

 

Xela Arias, X. García Crego e Celia Torres en Xerais no ano 1989. Autor: Vilar Cardona.
Fonte: Edicións Xerais

 

 

Co mesmo sentido da responsabilidade e rigor respecto da lingua desenvolve a súa outra actividade laboral. Preto dunha vintena de títulos de autores e autoras como James Joyce, Gianni Rodari, Angela Carter, Bram Stoker, Jorge Amado, Fenimore Cooper, Camilo Castelo Branco, Carlos Oroza ou Baudelaire demostran o seu interese pola tradución. Participa na Asociación de Tradutores Galegos e forma parte do consello de redacción de Viceversa que promove tamén a biblioteca virtual BIVIR, na que se publicarán algúns dos seus últimos traballos. Ficou inconclusa a tradución na que traballaba, Ancho mar de argazos de Jean Rhys.

Recibe a Medalla “Premio de Traduçao Sociedade de Lingua Portuguesa” por Amor de perdición de Camilo Castelo Branco (1986, Xerais) e o Premio de tradución Ramón Cabanillas (compartido con Darío Xohán Cabana) por O derradeiro dos mohicanos de James Fenimore Cooper (1993, Xerais). Postumamente, o premio Plácido Castro 2004 por O Spleen de París (pequenos poemas en prosa) de Charles Baudelaire (2003, BIVIR).

A continuidade e profesionalidade da súa dedicación poñen de manifesto a relevancia deste labor. Como explica Mª Xesús Nogueira:

Non foi unha tradutora nin ocasional nin anecdótica. Pola contra, e con todas as reservas necesarias que caiba facer, achegouse á figura da tradutora profesional. Nun momento en que a tradución literaria estaba deixando de ser entre nós un exercicio de estilo, quixo participar tamén do proceso de construción dun corpus de literatura universal traducida ao galego. Abondo esclarecedoras resultan as palabras de Ana Luna cando lembra que “a falta dunha planificación por parte das institucións (...) cubríana dúas grandes editoras como eran Galaxia e Xerais.

A mediados dos oitenta “vivía soa, traballaba nunha editorial e levaba un estilo de vida intrepidamente urbano”, a evocación que lembramos é de Susana Trigo. Completemos retrato: facía letras de cancións, escribía libros que despois nunca quererá publicar, Lili sen pistolas presentado ao Premio Esquío en 1986, esboza proxectos poéticos que desbota, Maldito lindo, e concreta outros. É o caso do seu segundo libro, Tigres coma cabalos, co que abrirá a nova década.

Que perder pé aínda é a ambición preciosa

Un “proxecto abrazado, querido e gratificante” en palabras da autora, que toma forma en textos e fotografías concibidas como un todo. Xela Arias e Xulio Gil explican a xénese nunha nota introdutoria que remata: “Nin pés de foto, nin ilustracións ao texto. Se tal, a historia”. Son 48 fotos en branco e negro e 48 poemas. Co volume preséntase tamén unha exposición que percorre distintas localidades ao longo de 1990.

A fuga e a fuxida reaparecen como motivos dun libro que se asoma aos espazos opresivos e se detén nas claudicacións dun tempo de espectáculos e púlpitos. O verso mantén a tensión que xa trazaba a liña e a súa creba en Denuncia do equilibro, a sintaxe fracturada, o desafío pronominal que a autora explicou deste xeito: “un eu pode ser un ti, un ti pode ser un el, un el pode ser unha crise, un sentimento calquera”. Os poemas revólvense contra a “orde establecida”, acompañan as figuras vencidas da noite, desafían as convencións estéticas e móvense nas fronteiras do amor. A furia toma pulo en forma de escualos.

Alén da “animalidade e a intuición”, entrenzadas no libro, a escritora subliñou o carácter social do proxecto: “un tipo de ideoloxía nalgúns casos social, de resposta á vida e á sociedade”. Apuntamentos que non conseguiron evitar unha lectura “visual” que se fixou máis nos corpos espidos. A recepción da obra desacóugaa profundamente. Na mesa sobre Muller e Literatura do Encontro de Escritores Galegos e Portugueses celebrado en 1991 pregúntase polas causas do “morbo” e conclúe: “sendo muller aínda é ben difícil vivir nas nubes”.

Hai que rebelarse contra a concepción do libro como un cadáver morto no anaquel

A concepción do poético como apertura e a exploración nas contornas do texto leva a Xela Arias á esculca das xunturas entre linguaxes artísticas. Ademais da participación en recitais poéticos, nos oitenta escribe letras para a banda Desertores, coa que prepara un espectáculo para o Festival da Poesía no Condado. Nos noventa o diálogo écoas fotografías de Xulio Gil ou coa música de Alberto Conde nun recital para o ciclo “O son dos poetas”. En 2003 ultimaba “Vencerse é cousa de se tratar” con Fernando Abreu.

Así pois, foi tamén unha activa “instigadora” de proxectos interartísticos que combinou cunha escollida e demorada dedicación á escritura poética e algunha puntual aproximación á narrativa como o relato “Que si que si” co que participa no volume colectivo Contos eróticos/Elas promovido por Edicións Xerais ou a obra Non te amola; “impresións de infancia”, que logo non publica.

Constrúo noventas que me encantan

Despois de dez anos de traballo na editorial Xela Arias decide retomar os estudos. En 1991 comeza Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e posteriormente Galego-Portugués. Ana Iglesias, amiga e compañeira de estudos, lembra as conversas arredor das escollas da poeta:

Ela dicía que se metera na nosa xeración, a xeración da inestabilidade laboral, que a min me tocou por idade e a a ela por rebeldía...Ese foi o prezo que pagou por empeñarse en non seguir as regras: por querer traballar antes de facer a carreira, por estudar mentres traballaba, por deixar o seu traballo estable por outro inestable cando o considerou esgotado (...) primando sempre a coherencia sobre a felicidade. De aí que non lograse convencela para que se presentase ás oposicións de galego, nas que ela mesma formaba parte do temario, en lugar de enfrontarse ás de español.

Compatibiliza os estudos universitarios coas traducións e o labor como correctora de estilo e editora. Ao mesmo tempo completa formación asistindo a cursos e congresos, colabora con varios artigos en Xornal Diario e mantén a actividade literaria: recitais, encontros, presentacións..., publica poemas en libros colectivos e en revistas, Festa da Palabra SilenciadaBoletín Galego de Literatura ou Zurgai, presenta actos como a IV Edición dos Premios Irmandade do Libro en Vigo, participa na redacción da revista Viceversa... E cría o seu fillo que nace en 1994. Xela Arias casara en 1992 co matemático e fotógrafo Xulio Gil Rodríguez con quen tiña unha relación desde 1988. Sepáranse xudicialmente en 2002. Da experiencia da maternidade abrolla Darío a diario.
¡O desterro dos pronomes, neno!

Darío a diario singularízase no corpus literario da escritora: mantén os trazos significativos mais o destinatario, o fillo, modula en parte o código, menos fracturado, máis sinxelo e poboado de referencias e imaxes da infancia. Ademais de se concibir como un agasallo a Darío, o libro ten vocación de diálogo colectivo arredor da maternidade e as súas mitificacións e desvela ao tempo á autora na súa propia experiencia afastada das idealizacións da sociedade patriarcal.

Publicado en 1996 percorre a vivencia cotiá da maternidade en 23 poemas que no amor polo fillo debullan ao mesmo tempo dúbidas e certezas da autora. A liberdade fronte ás imposicións e ás posesións enlaza esta crónica que se asoma a un futuro de autonomía persoal e solidaria que desexa para Darío, mais tamén ao ideario da que pouco xogou coas bonecas, como di nun dos versos: “ese xénero feminino algo a desmán para as narracións do ano en que nacín”.

Segundo Mª X. Nogueira: “a experiencia da maternidade reescrita desde unha perspectiva de xénero obriga a situar a Xela Arias na órbita de autoras (...) que levaron a cabo exercicios de revisión e reescritura alicerzados no xénero”.
Sentada no bídalo vello fiando secretos cos paxaros

A docencia será a ocupación laboral última de Xela Arias. Profesora de secundaria na materia de Lingua e Literatura castelá impartirá aulas en nove centros de ensino en apenas catro anos: desde o IES Terra de Xallas, Santa Comba, en 1999 ao IES Montecarrasco de Cangas en 2003, e entre os dous: Paralaia de Moaña, Valle-Inclán, en Pontevedra, Xelmírez II de Santiago e Valadares II en Vigo, IES de Chapela, en Redondela, IES A Sangriña da Guarda e IES Alvaro Cunqueiro de Vigo.

A súa actividade é intensa: traduce (Drácula de Bran Stoker, Venus Negra de Angela Carter), publica poemas en antoloxías (Río de son e vento. Unha antoloxía da poesía galega...) e en libros colectivos (Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas...), participa en ciclos e homenaxes (a Lois Pereiro, Francisco Fernández del Riego, Mª Xosé Queizán...), intervén en congresos e xornadas, presenta libros, recita e colabora en accións colectivas. Os últimos anos de vida da poeta están marcados pola súa implicación nun activismo cívico: participa nas accións de protesta pola montaxe en castelán de catro obras de Valle-Inclán por parte do Centro Dramático Galego, intervén nas “Noites Solidarias” da ONG Implicadas no Desenvolvemento e na Festa da Muller organizada por Cúmulum Donas de Nós, le a declaración “Pola paz mundial” da manifestación contra a guerra de Iraq e implícase nas accións que se desenvolven na mobilización cidadá Nunca Máis contra a xestión da catástrofe do Prestige. Ela mesma coordina con Xosé Mª Álvarez Cáccamo, no marco dos concertos expansivos promovidos por Burla Negra, o recital poético celebrado no “Café De Catro a Catro” en Vigo. Accións e intervencións que se proxectan en poemas recollidos no volume Xela Arias. Poesía Reunida (1982-2004)

A desobediencia, tanto no íntimo como no externo, para abrir as ás

A responsabilidade do idioma, o desafío do país, as arestas da experiencia das mulleres, a desigualdade, os mecanismos de opresión, a “orde establecida” coas complicidades que xera e as regras que instaura; o mercado e os escaparates, as categorías, as etiquetas e as estratexias de mistificación... respecto destas e doutras moitas cuestións tomou postura Xela Arias.

No poema “A de quen comprende...” dedicado a Rosalía de Castro que publica no proxecto Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas, alerta do risco de deturpación da voz da escritora:

Nada novo, inmaculada Rosalía.
Tal sempre mulleres confinadas na construcción
doutros,
comprendes:
revólveseche a arma contra ti
Este segue a ser o desafío.

A desobediencia abre o derradeiro libro de Xela Arias.

A miña lei, de me nacer así tan negra por elección

En xuño de 2003 sae do prelo Intempériome, un rotundo e lúcido libro negro que condensa as liñas máis persoais da súa escrita. Ábrese con dúas citas: “Desobediencia, pola túa culpa vou ser”, que procede dunha pintada, e “Donde todo termina abre las alas” da escritora Blanca Varela. Desprégase nunha estrutura en tres partes: un único e longo poema inicial, na primeira, e poemas mais breves, crebados nos límites, nas dúas seguintes. A obra exponse á intemperie, na núa e radical soidade dunha voz que interroga, cuestiona, difire, afástase e revólvese. Explicábao nunha conversa radiofónica:

A vida real é aquela na que un se atopa á intemperie, se fai consciente de que quere estar na intemperie precisamente para tomar as súas decisións (...) Pero tamén por outra parte un, creo eu, polo menos unha, polo menos eu, intempériome moitas veces, revóltome, procuro darlle volta ás cousas nese posible camiño que é tamén obriga de nós como persoas, de cuestionarnos, de preguntarnos as cousas que estamos facendo.

Reclama a liberdade, cuestiona a alienación, a asimilación, insta a aventurarse, ironiza coas conquistas do escaparate, reclámase intempestiva, anima ao incendio, distánciase dos rigores produtivos e exclama “o tempo.../¡que se perda!/maino, diante nosa”. Intempériome afonda na tensión da linguaxe, nos límites do código, nunha “sintaxe velada” coa que segue a interrogarse, a interrogarnos: “vide que vos convido/ a vos ver”.
Xela Arias escolle unha posición estrema para a escritura e constrúe unha poética que desafía os moldes convencionais. Está xa en Denuncia do equilibro e formúlase cada vez máis nítida e depurada ata Intempériome onde irradia todo o libro. Esa posición é a da negritude, a da negra, a do afora. A coherencia da súa perseverante esculca do territorio poético, con independencia e autogoberno, amósase agora plena na súa radical disidencia.
De certo, a vida ía en serio

Xela Arias falece o 1 de novembro de 2003. Preparaba co músico Fernando Abreu o proxecto poético musical “Vencerse é cousa de se tratar” arredor do seu último libro. O inesperado remate do ciclo vital da escritora conmociona o mundo da cultura. Organízanse homenaxes e actos na súa lembranza e un ano despois Edicións Xerais de Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega editan o volume colectivo Xela Arias, quedas en nós, coordinado polo pai da poeta, Valentín Arias.

En outubro de 2018 publícase Xela Arias. Poesía Reunida (1982-2004) con edición, introdución e notas de María Xesús Nogueira Pereira. A obra recolle a poesía editada da escritora, os catro libros, e reúne a obra dispersa publicada en xornais e revistas. Unha completa aproximación ao corpus poético da autora do que nos acompañamos neste andar polos seu pasos e polos seus textos.
E non hai xuíz aqui

Para rematar, e a xeito de apertura, como rosa dos ventos para posíbeis e necesarias rutas, exploramos horizontes desde o poema coas palabras da poeta:

A poesía debe indagar e cuestionar a orde das cousas, senón para qué (...). A nosa función é cuestionar o que hai precisamente para dar pé a construírnos mellor.

Non me obsesiona chegar (...) ao público. Só quero facer a poesía que me gusta, sen imposicións.

A poesía é material sensible pero non só: é tamén material altamente intelectualizado que nos pon en común co máis profundo de nós(…) e hai que xogar con forza de mineiro taladrador para acadalo e conformalo.

É unha obriga da poesía non só o que se diga, tamén como se diga. Temos que tratar de buscar como dicir desartellando as palabras para construílas doutro xeito, tamén para darlle máis posibilidades á expresión.

Lector de poesía é quen se someteu a autoaprendizaxe da convivencia cos textos, e superou a proba (...) só hai que rozarse cos poemas, manter moito roce cos textos e irlles así depurando as ideas e maila cadencia. E hai que facelo desprexuizados, limpos, como quen se planta nun monte a respirar o osíxeno sen mais aparato crítico cós pulmóns mesmo e a necesidade de aire fresco (…) Educarse en poesía é un esforzo. Somos poucos lectores de poesía porque somos pouco dados para o esforzo.

Non vou de feira, só escribo.

Para min a poesía non é literatura, é outra cousa.
Xela Arias constrúe un universo moi persoal, unha poética da insubmisión, do coñecemento, da desobediencia. Sen colectivos que a aperten, sen abrigos que a sometan. Consciente do lugar, do idioma, do xénero, da nación, acaso talvez tamén da derrota.

Ana Romaní
Membro de número da Academia
Xaneiro de 2021

 

OBRA

POESÍA

2.ª ed. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2021. Limiar de Olga Novo.

2.ª ed. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2021. Limiar de Berta Dávila.

2.ª ed. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2021 (no prelo). Limiar de Iolanda Zúñiga. Edición especial composta dun estoxo que contén o volume, un caderno de notas e un CD coa gravación dos poemas na voz de Xela Arias acompañada dos músicos Pablo Carrera, Macarena Montesinos e Elena Vázquez, baixo a dirección de Fernando Abreu.

PROSA

TRADUCCIÓNS (SELECCIÓN)

BIBLIOGRAFÍA SOBRE A AUTORA E OUTRAS OBRAS

PREMIOS E RECOÑECEMENTOS